ROSAS, HEXALFAS E PENTALFAS NA COMARCA EUMESA.

Estudo etnográfico, histórico e artístico ao redor do lintel de Ventosa


Os estudos etnográficos en Galicia moi poucas veces se ocuparon especificamente da iconografía simbólica espallada polas nosas aldeas, inserida nas construcións tradicionais do agro galego1 . Menos abondosos son aínda aqueles que, abordando esta temática, engaden unha pertinente análise histórica que se cre absolutamente necesaria para achegarnos ao entendemento do porqué destas representacións, en que arte deben de ser adscritas, por quen foron realizadas e, sobre todo, cal foi o significado que para seu promotor posuían, ou a mensaxe real que a través delas se quixo proxectar. Moitos dos símbolos aquí recollidos, xunto coas pedras onde foron esculpidos, son de coñecemento xeral polo público e, moitos deles foron xa tratados de xeito individual ou parcial por algúns investigadores locais aos que non podo máis que estar agradecido por desbravar previamente o camiño. Porén, este estudo pretendeu dende o principio reunir a meirande parte das pezas pétreas con esta iconografía inserida, de xeito que se tivese unha visión global da cuestión. Realizouse un traballo de campo visitando todo os exemplos de linteis e fiestras na terra da Eume e Betanzos. Tamén se visitou no transcurso de dous anos outras provincias como Soria e Burgos, na procura doutros casos semellantes nas súas igrexas, así como varios museos nacionais, como o Arqueolóxico Nacional de Madrid ou o British Museum , xunto aos provinciais: Arqueolóxico da Coruña, Sevilla, Valencia, Bilbao, Málaga e Burgos, onde se atoparon a meirande parte das respostas aquí recollidas a través dos seus fundos. A parte descritiva do traballo, partiuse do exemplo do lintel de Ventosa, colocado este nunha antiga casa de labranza situada na parroquia de Santa María de Centroña (Pontedeume), e das iconas nel representadas: a rosa, a cruz e a estrela; para achegarnos a outros modelos veciños das terras do Eume como os linteis de Lapido, Breanca, e o antepeito da Ribeira; todos eles situados nas ancestrais terras de Bezoucos e Pruzos. Remátase o traballo analizando as fiestras do torreón dos Andrade, onde existen dúas delas con tracerías que representan dous fermosos exemplos ben coñecidos de estrelas pentalfas. Foi deste xeito como se chegou a concretar o título do estudo que, en definitiva e segundo o expresado arriba, trata de achegar luz sobre o asunto dos linteis e vans ornamentados na comarca eumesa, quen foi o seu promotor, o significado da súa simboloxía ou o contexto histórico local ao que pertencen.


PREMA NA IMAXE PARA DESCARREGAR O ARTIGO EN FORMATO PDF

O arquivo posúe 172 MB polo que puidese tardar algún tempo en estar totalmente visible.




safecretive_edited.jpg
  • Facebook
  • Instagram

Mándame tus comentarios

Xenealoxías do Ortegal es un proyecto registrado. Todos los derechos reservados ©. Contacto: xenealoxias@gmail.com